Diario Oficial de Galicia
xoves, 22 de novembro de 2001

I. DISPOSICIÓNS XERAIS


Número do Dog:

226


Páxina do Dog:

14.993


Data da Disposición:

8 de novembro de 2001


Sección:

I. DISPOSICIÓNS XERAIS


Organismo:

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS


Rango:

Decreto


Título:

Decreto 292/2001, do 8 de novembro, polo que se configura a categoría de médico de admisión e documentación clínica.




O Decreto 148/1991, do 2 de maio, regulaba, ata a súa recente derrogación polo Decreto 97/2001, do 22 de marzo, os órganos de dirección e colexiados dos hospitais da Comunidade Autónoma de Galicia dependentes do Servicio Galego de Saúde que determinaba as súas funcións. No seu artigo 7 declarábase como área de actividade médico-asistencial adscrita á dirección médica dos hospitais, os servicios centralizados e o Servicio de Documentación e Arquivo Clínico.

Na realidade da rede hospitalaria do Sergas, nas áreas citadas, encóntranse as unidades de Admisión, así como Documentación e Arquivo Clínico; nelas atópanse prestando servicios profesionais sanitarios e non sanitarios. Nestas unidades realízanse funcións de xestión e organización das prestacións asistenciais nas que resulta necesario e recomendable vincular profesionais con formación médica. Así, véñense asignando ás citadas unidades tanto médicos xerais, coma médicos de diversas especialidades.

Nos últimos anos obsérvase un incremento considerable da demanda asistencial na atención especializada tanto en hospitalización coma nas consultas e en urxencias. Tal aumento recomenda a configuración axeitada dunha área que xestione a demanda asistencial co obxecto de optimizar ó máximo os recursos dispoñibles e facilita-lo acceso a estes da poboación que solicita asistencia especializada.

A maior complexidade dos procesos asistenciais, a necesidade de xestionar un sistema de información homoxéneo, fiable e suficiente que posibilite os procesos de xestión, a elaboración de indicadores de rendemento e epidemiolóxicos así como a utilización do control da calidade asistencial, precisan unha estructura eficaz e eficiente dos servicios de Admisión e Documentación Clínica e a creación dunha categoría e modalidade de médicos de admisión e documentación clínica, que pode coexistir con outras categorías de persoal sanitario e non sanitario.

A creación da categoría posibilitará que os médicos que actualmente desempeñan as funcións que nesta norma se lle atribúen e que parten de diferentes situacións administrativas, así como de titulación e formación, regularicen a situación. Así mesmo, con esta norma determínanse tamén as funcións destes profesionais e a súa imbricación na organización hospitalaria.

Doutra banda, a ausencia da axeitada configuración desta categoría impediu a convocatoria de procesos selectivos que doten da necesaria estabilidade os profesionais que veñen prestando servicios nestas unidades.

A Lei 30/1999, de selección e provisión de prazas de persoal estatutario dos servicios de saúde, permite

a creación, supresión ou modificación das categorías, de persoal estatutario, integrando no correspondente Estatuto de persoal, mediante a norma que proceda.

Con base na antedita lei e na competencia dos órganos de Goberno desta Comunidade Autónoma procédese a dicta-lo presente decreto polo que se crea a categoría de médico de admisión e documentación clínica no Sergas e se prevé a integración e transformación nesta dos profesionais que veñen prestando servicios nas unidades de Admisión e de Documentación Clínica.

Por iso, díctase o presente decreto, na elaboración do cal se aplicaron as previsións sobre a capacidade de negociación colectiva no ámbito do sector público incorporadas pola Lei 9/1987, do 12 de xuño, pola Lei 7/1990, do 19 de xullo. Foron oídas tamén, no trámite de audiencia as asociacións profesionais e organizacións sindicais máis representativas do sector. Así mesmo, trasladarase ó Ministerio de Sanidade e Consumo e ó Consello Interterritorial para a homologación da nova categoría con outras análogas do Sistema Nacional de Saúde, de acordo co previsto na citada Lei 30/1999, de provisión e selección.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, de acordo co dictame nº 583/2001, do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de novembro de dous mil un,

DISPOÑO:
Artigo 1º
O presente decreto ten por obxecto a creación da categoría de persoal estatutario de médico de admisión e documentación clínica no ámbito das institucións sanitarias hospitalarias do Sergas.

Artigo 2º
Corresponderán, con carácter xeral, ós médicos de admisión e documentación clínica as seguintes funcións:

1. Organizar e xestiona-lo acceso dos usuarios ás prestacións asistenciais da institución sanitaria que corresponda, garantindo o principio de equidade.

2. Organizar e xestiona-lo procedemento de programación de toda a actividade asistencial de acordo coas directrices dadas pola dirección do centro.

3. Organizar e xestiona-lo rexistro e control da entrada e a saída de pacientes atendidos en urxencias.

4. Colaborar na organización do sistema de información sanitaria do hospital.
5. Organizar e xestiona-lo transporte sanitario da institución sanitaria.
6. Organizar e xestiona-los traslados de pacientes a outros centros e a outros niveis asistenciais.

7. Creación, actualización e mantemento do ficheiro de pacientes na institución sanitaria, garantindo a súa coherencia, integridade, fiabilidade así como a confidencialidade da información.

8. Xestión e organización dos arquivos de documentación clínica e historias clínicas da institución sanitaria, asegurando que a súa configuración e utilización se axustan ás previsións contidas na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal e a Lei 3/2001, do 28 de maio, reguladora do consentimento informado e da historia clínica dos pacientes. No caso de que esta función fora prestada por terceiros a través dun contrato administrativo deberá supervisa-los citados axustes á Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e a Lei 3/2001.

9. Establecer, en colaboración coas instancias determinadas por cada centro, a normativa respecto do acceso, a localización, o préstamo e a devolución da documentación clínica, establecendo mecanismos que aseguren a súa confidencialidade, integridade, seguridade e dispoñibilidade.

10. Normaliza-la documentación clínica da institución sanitaria do centro para a súa correcta homoxeneización, en colaboración coa comisión de historias clínicas.

11. Realiza-la codificación clínica da institución sanitaria: elaboración de índices, codificación, análise e difusión da información extraída das historias clínicas, elaboración do conxunto mínimo básico de datos e aplicación de sistemas de clasificación de pacientes e xestión da calidade da información.

12. Clasificar, integrar e coordinar toda a información clínico-asistencial da institución sanitaria con independencia de cal sexa o seu soporte físico.

13. Colaborar na organización da recuperación da información clínica para usos asistenciais, de investigación e docentes.

14. Colaborar coa área de xestión económica do hospital na recollida de datos para facturación.

15. Participar no plan de formación xeral do centro e especifico da súa unidade.
16. Participar nas actividades de mellora da calidade propias da súa unidade e xerais do centro.

17. Participar nos programas de investigación establecidos no centro.
As funcións de organización e xestión recollidas nos números anteriores exerceranse de acordo coas liñas organizativas marcadas pola dirección do centro.

Artigo 3º.-Xornada.
A xornada ordinaria anual dos médicos de admisión e documentación clínica será a establecida con

carácter xeral para o resto do persoal facultativo de atención especializada do Sergas.

Artigo 4º.-Retribucións.
As retribucións que percibirán estes facultativos serán as establecidas no Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro, e nas disposicións complementarias e de desenvolvemento para os facultativos especialistas de área no Sergas.

Artigo 5º.-Selección e provisión.
A selección e provisión de prazas de persoal estatutario na categoría de médico de admisión e documentación clínica nas institucións sanitarias do Sergas terán carácter periódico e programaranse en función da planificación eficiente das necesidades de recursos.

A oferta ou ofertas de emprego público negociaranse na Mesa Sectorial de Negociación de Persoal das Institucións Sanitarias do Sergas, e o número de prazas que se convoquen nos respectivos procesos de selección e concurso de traslados determinarase trala negociación na devandita mesa.

Artigo 6º.-Sistemas de selección.
1. O acceso ás prazas de médicos de admisión e documentación clínica efectuarase polos procedementos establecidos na Lei 30/1999, do 5 de outubro, de selección de persoal estatutario ou normativa estatal aplicable, e normas de desenvolvemento na Comunidade Autónoma galega.

2. Requisitos para acceder ás prazas:
Encontrarse en posesión do título de licenciado en medicina e cirurxía.
3. Méritos:
Para o acceso a estas prazas valorarase a experiencia profesional en postos da mesma categoría estatutaria e/ou similar contido funcional que o posto obxecto da convocatoria nas institucións hospitalarias da Seguridade Social.

Na convocatoria poderá incluírse como mérito a formación específica nas áreas de admisión e de documentación clínica.

Disposicións transitorias
Primeira.-Situación do persoal médico que desempeña actualmente prazas, postos ou funcións de admisión e documentación clínica.


Trala negociación no seo da Mesa Sectorial de Negociación de Persoal de institucións sanitarias do Sergas vehicularanse os procesos de integración e vinculación na nova categoría.

1. Ó persoal médico con vínculo temporal en praza vacante que preste servicios na data da entrada en vigor deste decreto nas institucións sanitarias do Sergas e que veñen desempeñando funcións de médicos de admisión e documentación clínica, seralle

transformada a praza, logo da súa amortización, a prazas da nova categoría de médico de admisión e documentación clínica. Ó aludido persoal que as desempeñe expediráselle un nomeamento estatutario da mesma natureza temporal en praza vacante da nova categoría de médico de admisión e documentación clínica, no cadro de persoal do centro que corresponda. Os médicos das institucións sanitarias do Sergas con praza en propiedade como médicos de medicina xeral xerarquizados que realizan funcións nas unidades de Admisión e de Documentación Clínica poderán integrarse nas categorías que se crean neste decreto. Para os efectos da integración, considerarase en situación de prestación de servicios nas institucións sanitarias do Sergas os profesionais con reserva de praza nalgunha unidade de Admisión e de Documentación Clínica da rede hospitalaria do Sergas, na data da entrada en vigor deste decreto.

Así mesmo, ó persoal médico con praza en propiedade noutras categorías do estatuto xurídico do persoal médico, que desempeña as funcións que se asignan ós médicos de admisión e documentación clínica, daráselles opción para integrarse na categoría que se crea neste decreto.

De non optar pola integración manterán a súa categoría de orixe quedando adscritos ás unidades de Admisión e Documentación Clínica. A adscrición funcional dos médicos que non formalicen a integración suporá a realización das funcións establecidas no artigo 2 deste decreto. A adscrición orgánica supón a dependencia xerárquica que se estableza para o resto dos facultativos destes servicios e a aplicación das mesmas condicións de traballo có resto dos profesionais médicos do servicio.

2. Para os profesionais fixos que se integren ou que vexan transformadas as súas prazas, no caso do persoal temporal, os servicios prestados en funcións de médicos de admisión e documentación clínica seranlle computados como prestados na nova categoría de médicos de admisión e documentación clínica, para os efectos de méritos por experiencia profesional nos baremos de selección e provisión que se realicen no ámbito do Sergas, sempre que resulten debidamente acreditados polas xerencias dos centros hospitalarios.

Segunda.-No primeiro proceso selectivo que se vehicule no Sergas para a selección de prazas da categoría de médico de admisión e documentación clínica convocaranse tódalas prazas básicas vacantes existentes coa secuencia que se determine tralo proceso negociaciador que se leve a efecto, xa sexa en única convocatoria ou sucesivas.

Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de novembro de dous mil un.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
José Mª Hernández Cochón
Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais



[Sumario D.O.G.][Páx. Seguinte]



© Xunta de Galicia
Información mantida pola Xunta de Galicia
Servizo prestado pola Consellería de Presidencia, AA.PP. e Xustiza
Correo electrónico: webdogaxunta.es