Estatutos.

Estatutos SOGADOC

TÍTULO I: DA SOCIEDADE EN XERAL.

Artigo 1.- A Sociedade Galega de Admisión e Documentación Clínica, constituída na vila de Burela (Cervo), rexerase polas disposicións contidas nos presentes Estatutos e polas leis e disposicións legais que lle sexan de aplicación.

Artigo 2.- Son fins da Sociedade Galega de Admisión e Documentación Clínica promover, fomentar e difundir aspectos científicos e de interese profesional desta área.
Polo seu carácter científico e de investigación, a Sociedade Galega de Admisión e Documentación Clínica non se adscribe a ningunha ideoloxía determinada, nin poderá servir a outros fins que os expresados no parágrafo anterior, sen que iso signifique renuncia algunha á participación que na vida pública lle corresponde como entidade cultural, a través das canles que estableza a lexislación vixente en cada momento.

Artigo 3.- No cumprimento dos seus fins a Sociedade Galega de Admisión e Documentación Clínica, organizará seminarios, cursos, conferencias, sesións de investigación, etc. así como poderá emitir ditámes ou informes cando lle sexan solicitados e editar publicacións de carácter técnico relacionadas coas materias obxecto dos seus fins, someténdose en todas esas actividades ao que, en cada caso, dispoñan as normas legais vixentes, en especial a Lei de Prensa e Imprenta.

Artigo 4.- O domicilio social da Sociedade Galega de Admisión e Documentación Clínica radicará na rúa Vista Alegre nº 109 da cidade de Santiago de Compostela, C.P. 15705 provincia de A Coruña, dando conta do seu acordo á Delegación do Goberno da Comunidade Autónoma.

Artigo 5.- A Sociedade desenvolverá as súas actividades en toda a Comunidade Autónoma, terá duración indefinida e só se disolverá na forma prevista na Lei e nestes Estatutos, dos que calquera modificación terá que ser aprobada en Asemblea Xeral Extraordinaria, co quórum previsto no Artigo 24.

Artigo 6.- A Xunta Directiva será órgano competente para interpretar os preceptos destes Estatutos e cubrir as súas lagoas, someténdose sempre á normativa legal vixente en materia de asociacións.
Os presentes Estatutos serán desenvolvidos e cumpridos mediante os acordos que validamente adopten, dentro da súa respectiva competencia, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral. Esta última poderá aprobar un Regulamento de réxime interior que non poderá alterar en ningún caso as prescricións contidas nos presentes Estatutos.

TITULO II: DOS ORGANOS DIRECTIVOS E DA FORMA DE ADMINISTRACIÓN.

Artigo 7.- O goberno e administración da Sociedade serán exercidos polo Presidente, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

CAPÍTULO I: Do Presidente.

Artigo 8.- O Presidente da Sociedade Galega de Admisión e Documentación Clínica asume a representación legal da mesma e executará os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, das que tamén ostentará as presidencias.

Artigo 9.- O Presidente será designado pola Asemblea Xeral entre os membros que conten, a lo menos con dous anos de antigüidade, e o seu mandato durará catro anos. Estará asistido do Vicepresidente da Xunta Directiva, que o substituirá nos casos de incapacidade, ausencia ou enfermidade asumindo as súas competencias.

Artigo 10.- Corresponderán ao Presidente cantas facultades non estean expresamente reservadas á Xunta Directiva ou á Asemblea Xeral, e especialmente as seguintes:
10.1.- Convocar e levantar as sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dirixir as deliberacións dunha e doutra, decidindo con voto de calidade, en caso de empate.
10.2.- Propor o plan de actividades da Sociedade Galega de Admisión e Documentación Clínica á Xunta Directiva, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
10.3.- Ordenar os pagos acordados validamente.

CAPÍTULO II: Da Xunta Directiva.

Artigo 11.- A Xunta Directiva da Sociedade Galega de Admisión e Documentación Clínica estará integrada por un Presidente, un Vicepresidente, un Secretario, un Tesoureiro e un Vogal, cargos todos que deberán recaer en membros que teñan polo menos dous anos de antigüidade na Sociedade.

Artigo 12.- Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán gratuítos, elixiranse pola Asemblea Xeral e durarán un período de catro anos, non podendo ser elixidos en períodos consecutivos para o mesmo cargo.
Os cargos da Xunta Directiva renovaranse por metade. En primeira quenda serán renovados o Vicepresidente, o Secretario e o Vogal; no segundo, aos dous anos, o Presidente e o Tesoureiro.

Artigo 13.- Son funcións da Xunta Directiva programar o labor de investigación da Sociedade, dirixir as actividades sociais e levar a xestión administrativa e económica da mesma, someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.

Artigo 14.- A Xunta Directiva celebrará as súas sesións cantas veces o determine o Presidente ou a petición da metade dos seus compoñentes. Será presidida polo Presidente e, na súa ausencia, polo Vicepresidente, e, a falta de ámbolos dous, polo membro da Xunta que teña máis idade.
Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos deberán ser adoptados por maioría de votos dos asistentes, e polo menos deberán estar presentes os dous terzos dos seus membros. Das sesións, o Secretario levantará acta, que se transcribirá ao libro correspondente.

Artigo 15.- Os membros da Xunta Directiva ou as persoas en quen deleguen, presidirán as comisións de traballo que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de solicitar das mesmas informacións necesarias.
Cando as necesidades o aconsellen, a Xunta Directiva poderá acordar que as comisións se desdobren en subcomisións.

Artigo 16.- Cada un dos compoñentes da Xunta Directiva terá os dereitos e deberes inherentes ao seu cargo, así como os que naceran das delegacións que a propia Xunta ou a Presidencia da Sociedade lles encomenden.

Artigo 17.- Son funcións do Secretario recibir e tramitar as solicitudes de ingreso, levar o ficheiro e o libro de rexistro de membros e ter ao seu cargo a dirección dos traballos que esixe o goberno e administración da Sociedade. Igualmente , velará polo cumprimento das disposicións legais vixentes en materia de asociacións, custodiando a documentación oficial da entidade e facendo que cursen á Subdelegación do Goberno da provincia as comunicacións preceptivas sobre designación de Xuntas Directivas, celebración de Asembleas Xerais, cambios de domicilio, formalización de estados de contas e a aprobación dos orzamentos anuais.

Artigo 18.- O Tesoureiro dirixirá a contabilidade da Sociedade, tomará razón e levará conta dos ingresos e dos gastos sociais, intervindo todas as operacións e orde económica. Así mesmo recadará e custodiará os fondos pertencentes á Sociedade e dará cumprimento ás ordes de pago que expida o Presidente de acordo coa Xunta.
O Tesoureiro formalizará o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior, que deben ser presentados á Xunta Directiva, para que esta, á súa vez, os someta á aprobación da Asemblea Xeral.

Artigo 19.- As vacantes que se puidesen producir durante o mandato de calquera dos membros da Xunta Directiva, serán cubertas provisionalmente por persoa designada pola propia Xunta ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral.

CAPITULO III: Da Asemblea Xeral.

Artigo 20.- A Asemblea Xeral, integrada por todos o membros da Sociedade, é o órgano supremo da mesma.
Obrigatoriamente a Asemblea Xeral deberá ser convocada en sesión ordinaria unha vez ao ano, para aprobar o plan de actuación da Sociedade, censurar a xestión da Xunta Directiva, aprobar, no seu caso, os orzamentos anuais de ingresos e gastos, así como o estado de contas correspondentes ao ano anterior.

Artigo 21.- A Asemblea Xeral reunirase en sesión extraordinaria cando así o acorde a Xunta Directiva, ou, a proposta escrita e asinada do 30% dos asociados, con expresión concreta da orde do día.

Artigo 22.- As convocatorias das Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, serán feitas por escrito, expresando o lugar, data e hora da reunión, así como a orde do día. Entre a convocatoria e o día sinalado para a celebración da Asemblea Xeral en primeira convocatoria haberán de mediar, a lo menos, quince días, podendo, así mesmo, facerse constar a data e hora na que, se procedese, reuniríase a Asemblea Xeral en segunda convocatoria.

Artigo 23.- As Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a elas presentes a maioría dos membros e, en segunda convocatoria, calquera que sexa o número de membros concorrentes.

Artigo 24.- Os acordos das Asembleas Xerais adoptaranse por maioría de votos. Sen embargo, será preciso o voto favorable das dúas terceiras partes dos membros presentes, para adoptar acordos en Asembleas Xerais extraordinarias sobre materias ás que se refire o artigo 20 destes Estatutos.

Artigo 25.- Son facultades da Asemblea Xeral:
25.1.- Elección e nomeamento ou cese por votación secreta dos membros da Xunta Directiva.
25.2.- Modificación dos Estatutos.
25.3.- Disolución da Asociación.
25.4.- Disposición e alleamento dos bens.
25.5.- Expulsión de socios a proposta da Xunta Directiva.

TÍTULO III: DOS MEMBROS DA SOCIEDADE.

CAPÍTULO I: Da condición de membro.

Artigo 26.- Poderán ser membros da Sociedade as persoas maiores de idade que teñan interese nos fins da Sociedade, ou en atención aos seus méritos con relación aos mesmos, e que en ámbolos dous casos sexan admitidos pola Xunta Directiva.
Entre os asociados establécense as seguintes categorías:
SOCIOS DE NÚMERO: Son membros de pleno dereito, con voz e voto, con capacidade de elixir e ser elixidos pola Xunta Directiva.
SOCIOS DE HONOR: Son membros non de pleno dereito, con voz pero sen voto, sen capacidade de elixir nin ser elixidos pola Xunta Directiva.

Artigo 27.- Admisión de novos socios:
Quen desexe pertencer á Sociedade debe reunir os seguintes requisitos:
SOCIOS DE NÚMERO: Os Licenciados en Medicina e Cirurxía vinculados profesionalmente coa Admisión e Documentación Clínica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e que sexan avalados por dous socios de número no momento de presentar a súa solicitude de ingreso.
SOCIOS DE HONOR: Aqueles profesionais que polo seu prestixio ou por contribuír de modo relevante aos fins da Sociedade, se fagan acredores de tal distinción, a xuízo unánime da Xunta Directiva ratificada en Asemblea Ordinaria.

Artigo 28.- Os socios poderán solicitar a baixa na Sociedade voluntariamente, sen que ela lles exima de satisfacer as obrigas que teñan pendentes para a entidade.

CAPÍTULO II: Dos dereitos e deberes dos membros.

Artigo 29.- Os membros da Sociedade terán o dereito e o deber de participar nas actividades culturais de estudo e investigación que realice a Sociedade, formando parte das comisións de estudo ou de traballo que se constitúan ao efecto.

Artigo 30.- Os membros da Sociedade terán os seguintes dereitos:
30.1.- Exercitar o dereito de voz e voto nas Asembleas Xerais.
30.2.- Conferir por escrito a súa representación nas Asembleas Xerais a outros membros, de acordo coa lexislación vixente.
30.3.- Que se lles poña de manifesto o estado de contas dos ingresos e gastos formalizados anualmente.
30.4.- Ser nomeados membros da Xunta Directiva na forma que determinan estes Estatutos.
30.5.- Dispor dun documento acreditativo da súa condición de socio e posuír un exemplar destes Estatutos.
30.6.- Ter coñecemento dos acordos adoptados polos Órganos Directivos.
30.7.- Impugnar os acordos e actuacións da Sociedade que sexan contrarios aos Estatutos, dentro do prazo e na forma que establece a lexislación vixente.

Artigo 31.- Serán obrigas de todos os membros:
31.1.- Acatar os presentes Estatutos e os acordos validamente adoptados pola Asemblea Xeral e a Xunta Directiva.
31.2.- Abonar as cotas periódicas que acorde a Xunta Directiva.
31.3.- Desempeñar fielmente as obrigas inherentes ao cargo que desempeñen.

TÍTULO IV: DO RÉXIME ECONÓMICO.

Artigo 32.- A Sociedade carece de patrimonio ao constituírse e o orzamento anual non excederá de cinco millóns de pesetas.

Artigo 33.- Os recursos económicos previstos pola Sociedade para o desenvolvemento das actividades sociais serán os seguintes:
33.1.- As cotas periódicas que acorde a Xunta Directiva.
33.2.- Os produtos dos bens e dereitos que lle correspondan, así como as subvencións, legados, doazóns que poida recibir en forma legal.
33.3.- Os ingresos que obteña a Sociedade mediante as actividades lícitas que acorde realizar a Xunta Directiva, sempre dentro dos fins estatutarios.

Artigo 34.- A administración dos fondos da Sociedade levarase a cabo sometida á correspondente intervención e coa publicidade suficiente, a fin de que os membros poidan ter coñecemento periodicamente do destino dos fondos.

TÍTULO V: DA DISOLUCIÓN DA SOCIEDADE.

Artigo 35.- A Sociedade disolverase por vontade dos membros, polas causas determinadas no Artigo 39 do Código Civil ou por sentencia xudicial. No primeiro destes tres casos será necesario o acordo adoptado en Asemblea Xeral extraordinaria, co voto favorable das dúas terceiras partes dos membros presentes, de conformidade co disposto no Artigo 24 destes Estatutos.

Artigo 36.- No caso de disolverse a Sociedade, a Asemblea Xeral que acorde a disolución nomeará unha comisión liquidadora, composta por tres membros extraídos dos da Xunta Directiva, que se fará cargo dos fondos que existan, para que, unha vez satisfeitas as obrigas, o remanente, se o houber, sexa entregado a calquera entidade legalmente constituída en Galicia que se dedique a obras asistenciais.
Os presentes Estatutos recollen todas as modificacións aprobadas na Asemblea Xeral celebrada en Santiago de Compostela o 15 de novembro de 2001.

© Copyright 2025 SOGADOC / info@sogadoc.es
top